Anda di halaman 1dari 5

A cidade asolagada de Antioquía

Antonio Balboa Salgado

A histórica Lagoa de Antela, lamentablemente hoxe desaparecida, foi ó


longo do tempo depositaria de múltiples tradicións; tradicións xa documentadas
dende antigo por autores como Villaamil y Castro e Murguía, quen sinalou o
seu paralelismo con Francia a través das lendas artúricas. Estes autores
recollen noticias moi anteriores, sobre todo de época moderna, acerca destas
tradicións.
Dentro dun estudo particular sobre as cidades asolagadas, Luís
Monteagudo recorda que, segundo a tradición, baixo as augas da Lagoa de
Antela se atopa asolagada unha cidade: a cidade de Antioquía, inundada por
castigo divino. Así mesmo, lembra que de cando en vez se poden ollar no Pozo
da Meiga as altas torres da cidade cando acontecen grandes secas.
A tradición foi ampliada nun artigo monográfico publicado por Taboada
Chivite. Entre as tradicións recollidas por este autor, a cidade pasa por ser
fundada polo heroe grego Anfíloco (dándolle o nome de Anfiloquia, semellante
a Antioquía) e o motivo concreto da súa perdición foi o pecado da idolatría pola
adoración da figura do galo. Aínda en certas noites especiais, como San Xoán,
Nadal e Reis pódense escoitar os galos e as campás da cidade maldita.
Reproducimos, polo seu interese, o principal relato recollido polo eximio
investigador verinés:

No lugar que hoxe ocupa a lagoa de Antela houbo noutros tempos unha
cidade chamada Antioquía... Os seus veciños asoballaban ás xentes dos
arredores e non tiñan caridade con ninguén. Quixo Deus castigalos, mais
Xesús propúxose salvar ós xustos que houbese. E veu á terra, e foi a Antioquía
na figura de un esmolante e tentou a caridade enteira da primeira á últema
casa pedindo esmola e non achou a ninguén que xiquera lle dixese: “Deus te
axude”. Postreiramente, cando xa marchaba co corazón atristurado, entre
unhos carballos viu unha casarella ca porta suchouza e unha velliña
agarouchada a carón dun lumiño que máis afumaba que aquecía. Xesús
arrimouse e pregou: “Unha esmola, polo amor de Deus”. “Pase quen sexa”,
dixo a velliña. E Xesús pasou. E a velliña sentouno ó lume e muxiu unha cabra
que tiña e deulle unha cunca de leite e un anaco de bica. E dispoixa deitouno
na súa camiña de farrapos. Cando á alba do día espertou, Xesús díxolle á
velliña: “Vén, quero que olles o que foi de Antioquía”. E a velliña quedou
sorpresa cando viu que no lugar que ocupaba Antioquía estendíase unha lagoa
que asuagaba o pobo. E naide se salvara fóra da velliña. Na mañanciña de San
Xoán, cando o primeiro raio do sol relampra na lagoa, alá abaixo, muy fondo
albíscase o campanario da eirexa. E a noite do Natal, ás doce en punto,
óuvense cantar os galos.

Sucintamente, esta é a principal tradición existente arredor da célebre


cidade de Antioquía, mergullada nas profundidades da Lagoa de Antela. Todos
os autores mencionados, e outros máis, tentaron atopar unha explicación a
este e a outros casos célebres espallados por toda Galicia, como sucede en
Doniños (Ferrol), Cospeito (Lugo) ou San Martiño do Lago (Maside). As súas
características son bastantes semellantes entre si. A maioría dos
investigadores trataron de aclarar a existencia desas tradicións partindo de
varias premisas. En primeiro lugar, defendeuse a base real de tales tradicións,
xa que serían recordos de cidades realmente existentes. O feito de estar
emprazadas en lagos ou na ribeira do mar fixo que se considerase que eran
cidades de tipo palafítico que, por diversos motivos (por inundacións ou debido
a loitas de pobos prehistóricos) quedaron abandonadas e das cales se perdeu
a memoria, véndose limitado o seu recordo a vagas noticias. Sobre esta base
desenvolvéronse a maioría dos estudos, remarcando os achados históricos de
todo tipo, como restos paleolíticos, castros e mámoas situados nos arredores.
Tamén se defendeu que sobre tal realidade se sobrepuxeron outros influxos,
como carolinxios e artúricos, o cal resulta evidente. Pero sobre todo, a maior
influencia que recibiron foi a do cristianismo. Así, nas maioría dos relatos é a
falta de caridade e a idolatría dos seus habitantes respecto dalgún personaxe
sagrado, como a Virxe, un santo ou o mesmo Cristo, o que precipita a súa
ruína, salvándose só aquelas persoas que, bos cristiáns, souberon ser
caritativas.
Algún autor tentou ir algo máis alá, como o mesmo Taboada Chivite,
aludindo e profundando en ideas sobre o tempo mítico presente nestas cidades
asolagadas, seguindo a historiadores das relixións como Mircea Eliade. Pois
ben, ese semella ser o camiño correcto para encarar o estudo do tema da
cidade asolagada de Antioquía e das cidades asolagadas galegas en xeral. O
punto de partida non pode ser a busca de restos de palafitas prehistóricas,
paradigma arqueolóxico que contou con gran sona nos estudos do século XX,
pero que perdeu forza na actualidade (e por outra banda ben difícil de
fundamentar pola propia febleza dos restos). De feito, os argumentos que
tentan explicar máis recentemente a existencia das cidades asolagadas
galegas recorren en esencia ó seu carácter cristián, como un modo de
exemplarizar as virtudes cristiás e así catequizar ó pobo. Dende este punto de
vista fixeron as súas achegas investigadores como Víctor Alonso Troncoso,
Vázquez Varela ou González Reboredo. Pero tal perspectiva renuncia a tratar
de aclarar as bases da formación e outros significados do motivo folclórico
actual.
Para superar este estado de cousas, coidamos que resulta fundamental
botar unha ollada ó contorno máis próximo, o dos países atlánticos, e a certas
tradicións antigas, algunhas propiamente do noroeste da Península Ibérica,
xunto con outras provenientes do mundo clásico ou do mundo celta atlántico,
para ver se é posible atopar paralelismos e antecedentes que clarifiquen os
casos galegos.
Se nos fixamos nos relatos folclóricos contemporáneos conservados nas
fisterras atlánticas, destacan casos famosos como Cantre’r Gwaelod no País
de Gales, Dumnonia en Cornualla ou múltiples cidades nas costas occidentais
irlandesas. Así e todo, o exemplo máis coñecido é o da cidade de Is na Bretaña
francesa, afundida pola perfidia da princesa Dahud e polo carácter demoníaco
dos seus habitantes. O pai de Dahud, o rei Gradlon, consegue salvarse grazas
á intercesión dun santo, San Gwénolé.
Se pasamos ó plano histórico podemos atopar precedentes que nos
falan da importancia das augas. No caso concreto do noroeste de Hispania
destacan catro elementos. O primeiro son as célebres Diademas de Mones ou
Ribadeo, que foron interpretadas como o tránsito de xinetes cara ó Máis Alá
nun contexto acuático, xa que nela se ven xinetes e infantes con armas,
caldeiros, peixes, aves acuáticas, etc. Esta peza, ademais, conta con
paralelismos claros con outras semellantes da Céltica europea.
Outros restos que falan acerca da importancia das augas no noroeste de
Hispania son as chamadas “saunas” recuperadas nalgúns castros galaicos,
coñecidas sobre todo polas “pedras formosas” que as pechan. Actualmente son
interpretados como lugares de iniciación de novos guerreiros a través de
probas de calor mediante a utilización da auga. A conexión co Máis Alá a
través das augas tamén está detrás do costume, moi antigo, de depositar
armas e outros obxectos de valor en correntes e lagos de toda a Europa
Atlántica, incluída Galicia. Por último, están os coñecidos relatos conservados
arredor do río Lethes na Antigüidade, e onde este se presenta como unha
entrada ó mundo dos infernos, como tivemos ocasión de sinalar no primeiro
número desta mesma revista.
Ampliando máis o campo de visión, outras duas famosas tradicións
procedentes da Antigüidade e da Idade Media semellan pertinentes para
aclarar o sentido das cidades asolagadas. Así, diversos autores clásicos
infórmannos acerca do estraño costume de diversos personaxes e pobos
(sobre todo celtas) de loitar, perfectamente armados, coas ondas do mar e coa
marea. Entre estes autores destaca o mesmo Aristóteles, quen se marabilla de
que os pobos celtas sexan tan tolos como para mergullarse no mar ou loitar
con el, o que aquel considera, entre outors trazos, unha mostra de
irracionalidade. Do mesmo modo que sucede coas cidades asolagadas, tamén
se tentou explicar a realidade do abandono de certos pobos e dalgúns
guerreiros das súas vivendas achacándoo ós cambios climáticos e xeográficos,
e ás conseguintes inundacións, que se produciron historicamente no norte de
Europa. Sen embargo, outra liña de investigación, partindo dun plano mítico,
interpretou esas noticias como un símbolo da comunicación dos guerreiros co
mar, como unha forma de pórse en comunicación e de acceder ó Outro Mundo
(de igual modo que nas escenas representadas nas Diademas de Mones).
Serían, por tanto, tradicións sobre a partida de guerreiros mortos cara ó Máis
Alá.
Outro conxunto de relatos significativos afectan ós países baixo as
ondas que se documentan en diversos relatos irlandeses. Habitualmente tales
terras e países subacuáticos aparecen no transcurso de expedicións de
personaxes pagáns, como Bran ou Máel Dúin, ou cristiáns, como San Brandán.
Estes lánzanse a navegar polo mar, albiscando na súa superficie ou no seu
fondo cidades, fortalezas, gando e mesmo xente. Noutras tradicións irlandesas
acerca de guerreiros e personaxes que se mergullan debaixo do mar, estes
atopan máis reinos e países, habitualmente habitados por mulleres. Nestas
tradicións, se o Outro Mundo se sitúa debaixo das augas, loxicamente unha
das formas predilectas para acceder a el é a través de fontes e lagos.
Estas noticias, e outras conservadas en época medieval relacionadas con
Galicia (como as sorprendentes aventuras de santos medievais como Santo
Ero, Trezenzonio ou Santo Amaro), axudan a situar o motivo folclórico e a
dotalo dunha profundidade e doutras perspectivas distintas ás habitualmente
presentadas.
Algúns historiadores xa aludiran a citas clásicas sobre a existencia de
cidades asolagadas ou temas semellantes en autores como Xordanes, Dionisio
de Halicarnaso ou Ovidio, algunhas delas sorprendentemente iguais ás
conservadas hoxe en día en Galicia, o cal, por outra banda, desbota que se
trate unicamente de motivos folclóricos cun único cariz cristián. Tampouco
resultan procedente facer comparacións xerais con cataclismos acuáticos de
tipo mítico, como o Diluvio ou a Atlántida, pero si é produtivo examinalos a
partir desta nova perspectiva, que se centre nos aspectos do imaxinario e nas
ideas de tipo mítico. centrándose no mundo indoeuropeo.
Certos elementos axudan a perfilar máis isto. Por exemplo, as
concepcións temporais. Que as cidades asolagadas galegas poidan verse ou
oírse en determinados momentos cadra ben cunha concepción mítica do
tempo. Nesta perspectiva, só en determinados intres, habitualmente asociados
a festas significativas, resulta factible ver ou oír as cidades asolagadas. O caso
localizado na Lagoa de Antela é un dos mais claros de Galicia, pois só en
determinadas festas, como San Xoán ou Nadal, ou unicamente en condicións
moi especiais, como en noites claras ou cando hai moita seca, se revela e
resulta posible para os humanos ollar a misteriosa cidade. De feito, as cidades
asolagadas sempre están aí, pois o mundo humano e o Outro Mundo son dous
ámbitos que conviven, que coexisten pero sen tocarse, pois están en dúas
dimensións distintas. Só en momentos moi específicos se abren as portas entre
os dous mundos e resulta factible o contacto entre os seres que os habitan. Así
sucede na célebre festa celta de Samain, hoxe transmutada na de Halloween.
Unicamente a través desas aberturas espazotemporais se pode dar o contacto
entre este mundo e o Alén. De todos modos, tal contacto resulta problemático,
pois unha das particularidades do Outro Mundo consiste na distinta percepción
temporal. De feito, ingresar nel, como lle sucede a santos como Trezenzonio,
Amaro ou Ero, ten como consecuencia que ó regresar o tempo transcorrido no
mundo humano sexa moitísimo maior, tema ben testemuñado tamén nos
relatos irlandeses. Así, o que no Máis Ala supón só un intre representa centos
de anos neste.
Outro elementos relevante é a música. Se é posible ver de cando en vez
as cidades asolagadas, tamén se poden oír. Os ruídos que se escoitan
procedentes destas cidades, tamén nomeadamente da de Antioquía, son sobre
todo de dous tipos: as campás e os galos. Pensamos que as campás hai que
poñelas en relación coas noticias, procedentes de diversas tradicións, como a
celta, que sitúan o Outro Mundo nun ambiente fantástico caracterizado, entre
outras cousas, por unha música marabillosa. As campás das igrexas, elemento
evidentemente cristián, cumprirían o mesmo papel, cualificando de modo
marabilloso ás cidades asolagadas que se revelan de tal modo ós humanos.
Por outra banda, o contido mitolóxico do galo funde as súas raíces na
Antigüidade. Dende esta perspectiva semella significativo que o galo sexa o
animal que acompaña ó deus Mercurio, deus dos camiños e precisamente por
iso relacionado co Máis Alá.
Como se deduce do que acabamos que ver, o ámbito que mellor explica
o carácter das cidades asolagadas é a consideración, magnificamente
representada no mundo celta, e no mundo indoeuropeo en xeral, das augas
como lugar preferente de relación co Outro Mundo. Posúen dous significados
en principio antagónicos, pois tanto serven como medio de separación como
facilitan o tránsito entre o mundo humano e o Máis Alá. Atravesar as augas
supón o modo ideal de ingresar no Alén, vertente ben testemuñada no mundo
atlántico europeo e en relatos, representacións e tradicións da Antigüidade
(tanto galaica como europea). Neste sentido semella moi revelador o feito de
que elementos procedentes da Galicia antiga permitan fundamentar o carácter
actual dun tema como o das cidades asolagadas galegas.
Un elemento frecuentemente asociado con elas, e que en ocasións as
simboliza ou substitúe, son os pozos, dos que tamén existen exemplos na
Lagoa de Antela. Aquí, mesmo a través deles se pode ver a cidade afundida.
Tanto nas tradicións atlánticas europeas como nas galegas os pozos cumpren
unha triple función. Por un lado, son os responsables de provocar as
inundacións que asolagan cidades, terras e reinos. Normalmente isto débese a
que non son tapados polas mulleres que os gardan, como sucede no caso de
Is, pois a princesa Dahud é a responsable dos diques da cidade (a mesma
cidade esta unida por pozos co mar). En segundo lugar, son un medio de
acceso privilexiado cara ó Alén, de igual modo que as fontes e os lagos. A
través deles os humanos poden ingresar nel, ou deles saen personaxes ou
gando sobrenatural. Por último, son tamén un símbolo en si mesmos das
cidades asolagadas e do Outro Mundo. Neste aspecto resulta revelador os
cualificativos que reciben os pozos que se abren nas profundidades das
cidades asolagadas galegas: negros, profundos, insondables, inesgotables e
perigosos. En definitiva, son un elemento esencial que reforza co seu
significado o das cidades asolagadas.
En último termo, sobre tradicións diversas de fonda raíz pagá que é
posible rastrexar ata a Antigüidade, sobrepúxose o cristianismo, que foi quen
de apropiarse de todas estas tradicións e de reaproveitalas para poñelas ó
servizo da nova fe. Coa chegada da nova relixión xa non son os pozos ou as
mulleres as responsables do asolagamento das cidades e países mergullados;
agora é a falta de caridade, xunto co carácter malvado e pagán dos seus
habitantes con respecto a personaxes sagrados, o que precipita sen remedio a
súa perdición.
Debaixo dunha roupaxe cristiá é posible albiscar aínda restos
precristiáns. Os principais que se conservan en Galicia e na Antioquía da Limia
son algúns como a importancia da música, a presenza de animais especiais
como os galos, a existencia de pozos e os propios nomes das cidades
asolagadas. A maioría denomínanse Valverde ou Lucerna, denominacións que
remiten tamén a un fondo mítico. O nome de Antioquía remite do mesmo modo
ó mundo pagán, non cristián. Pola contra, son elementos cristiáns as campás,
as igrexas das cidades e o protagonismo de personaxes cristiáns. Só eles
serán quen de afundir e destruír as cidades pagás situadas en lagos ou no mar,
último avatar de tradicións moi antigas e diversas que non gardan o recordo de
palafitas prehistóricas senón de evocadoras representacións que aluden ó Máis
Alá.

BIBLIOGRAFÍA
-Antonio Balboa Salgado, As cidades asolagadas. As augas e o Alén en
Galicia. Toxosoutos, Noia, 2006.
-Xesús Taboada Chivite, “Las leyendas de la laguna de Antela”, Cuadernos de
Estudios Gallegos, XXIV (1969), pp. 221-235.