Anda di halaman 1dari 3

A manifestación está convocada de xeito conxunto coa maioría sindical

vasca e agárdase tamén a participación de organizacións cataláns e


canarias

A Confederación Intersindical Galega e a maioría sindical vasca (ELA, LAB,


STEE-EILAS, EHNE e HIRU) van desenvolver unha manifestación o vindeiro 5
de abril en Madrid en contra das reformas do goberno (concretamente a
reforma das pensións e da negociación colectiva) e na defensa do dereito a
decidir nos propios territorios as condicións laborais e sociais. Na marcha
agárdase que participen arredor de 3.500 delegados e delegadas de todas as
organizacións sindicais, dos/as que uns 1.200 serán representantes sindicais
da CIG.

“Queremos que o goberno español visualice que no estado existe unha contestación ás
reformas que nos están impondo e dinámicas sindicais distintas á política de pacto social
practicada por CCOO e UGT”. Así resumía o Secretario Xeral da CIG, Suso Seixo, o
obxecto da convocatoria que a central nacionalista, xunto a ELA, LAB, STEE-EILAS,
EHNE e HIRU vai realizar o vindeiro martes 5 de abril en Madrid, dando continuidade á
campaña de mobilizacións que estas centrais sindicais veñen realizando contra do
conxunto de reformas promovidas dende os gobernos, incluída a folga xeral do pasado 27
de xaneiro.
A manifestación, explicou Seixo, que compareceu en rolda de prensa xunto ao Secretario
Confederal de Comunicación da CIG, Francisco Miranda Vigo, sairá dende os arredores do
campo de fútbol Santiago Bernabeu e marchará até as portas do Ministerio de Traballo e
Inmigración. Aínda que a idea orixinal era rematar diante Congreso, este percorrido non foi
finalmente autorizado.
Alén dos arredor de 3.500 delegados e delegadas que se agarda participen na
manifestación, estase á espera de confirmar a presenza dos sindicatos cataláns e
canarios, así como, apuntou Miranda Vigo, tamén amosaron a súa intención de participar
na marcha organizacións que veñen de constituírse logo de romper coa dinámica sindical
de UGT e CCOO e que xa convocaran paros de solidariedade durante a xornada de folga
do 27 de xaneiro.

Centralización da negociación colectiva


Coa mobilización, as centrais sindicais queren amosar o rexeitamento á reforma do
sistema público de pensións (o anteproxecto de lei debátese mañá, mércores, no Pleno do
Consello Económico e Social) e da negociación colectiva. Aínda que neste último caso non
hai pechado un acordo, os termos nos que a patronal e CCOO e UGT teñen orientado a
reforma apuntan a unha maior centralización e burocratización da mesma. Isto na práctica
virá significar un monopolio da negociación colectiva a nivel estatal, marxinar as
organizacións sindicais máis molestas e practicar unha negociación colectiva afastada dos
traballadores e traballadoras.
De aí, matizou Seixo, a reivindicación do dereito dos galegos e as galegas a decidirmos no
noso País as condicións laborais e sociais. “A negociación colectiva é un arma
fundamental dos traballadores e traballadoras para mellorar as condicións laborais e
precisa da proximidade e da participación da clase traballadora”, aclarou.
Para a CIG é imprescindíbel que a negociación colectiva se realice nun marco próximo aos
traballadores/as, de xeito que poidan participar e decidir sobre aquelas cuestións que lles
afectan. Aí radica a importancia dos convenios provinciais, tanto pola proximidade aos
traballadores/as como porque o número de persoas á que afecta é o suficientemente
elevado como para xerar capacidade de presión. Non obstante, este ámbito da
negociación preténdese agora eliminar para camiñar a convenios marco de mínimos e
deixar que sexa no eido da empresa onde se melloren os acordos. Punto en extremo difícil
no caso da Galiza tendo en conta que o 90% das empresas non supera os seis
empregados/as.
Seixo advertiu que esta reforma interesa ás organizacións sindicais estatais porque así
poderán monopolizar a negociación e tentar apartar aos sindicatos molestos, pero tamén é
do gusto da patronal, xa que consolidar este modelo suporá un empeoramento das
condicións laborais e salariais.

Voto particular de CIG e ELA no Consello Económico e Social


ELA e a CIG presentarán un voto particular ao ditame sobre o anteproxecto de lei de
reforma das pensións que se debate mañá no CES, a través do que manifestan o
rexeitamento á modificación e denuncian o que suporá para moitos traballadores e
traballadoras esta reforma: dificultar o acceso ás pensións e unha caída nas contías das
mesmas.
O responsábel do sindicato nacionalista denunciou que no anteproxecto de lei aparecen
recollidas cuestións que non figuraban no Acordo Social e Económico, como o relativo á
xubilación voluntaria anticipada. Até agora estaba fixada nos 61 anos e nos 30 anos de
cotización. Segundo o anteproxecto, a partir da aplicación da lei non se poderá acceder á
xubilación anticipada até os 63 anos e sempre que se teñan cotizados 33 anos. A maiores
impoñen outra condición: a pensión resultante ten que se superior ao 125% da pensión
mínima. Esta obriga deixa sen a posibilidade de xubilarse anticipadamente a quen teña
unha pensión inferior a ese valor.
Seixo advertiu que a reforma prexudica ás persoas que teñan as rendas máis baixas e de
forma moi particular ás mulleres xa que, en xeral, estas teñen unhas condicións laborais
máis precarizadas, altas taxas de temporalidade e de contratación a tempo parcial, polo
que precisarán de moitos máis anos traballados para poder acumular os períodos mínimos
de cotización.
De feito, só o 23% das mulleres traballadoras que se xubilan aos 65 anos terían dereito a
percibir o 100% da prestación, fronte ao 71% dos homes que a esa idade conseguiron
cotizar 38.5 anos que vén estabelecer a reforma das pensións. Non obstante, os cambios
socio-económicos, é dicir a progresiva precarización do mercado laboral, mesmo fan
prever que estas porcentaxes descenderán no futuro.
Ademais, ampliar os anos para calcular a base reguladora, pasando de 15 a 25, suporá
incluír períodos de non cotización, polo que a contía das pensións ficará reducida. Na
Memoria Económica do anteproxecto sinálase que pasar de 15 a 20 anos xa supón unha
redución do 5.38% do total das pensións, redución que será moito maior realizando o
cálculo a 25 anos.
Novamente, estas cifras resultan máis graves cando se fala das mulleres traballadoras.
Segundo a Memoria Económica, pasar de 15 a 20 anos o período de cálculo supón que a
porcentaxe de traballadores/as con baleiros de cotización superiores a 24 meses (a quen
prexudica este cambio na reforma) pasará do 20.6% ao 31.8% do total. No caso das
mulleres supón pasar do 35.8% ao 49.7%.
Adxuntamos copia íntegra en pdf do voto particular de CIG e ELA rexistrado no CES no
que aparecen recollidas todas estas cuestións.

Anda mungkin juga menyukai