Anda di halaman 1dari 3

Autoestrada Marítima a Gran Bretaña e Irlanda

Proposta de Converxencia XXI

Galicia e as súas infraestruturas de transporte internacional


Galicia precisa estar comunicada e non incomunicada. O desenvolvimento económico do noso país pasa polo transporte
terrestre, aéreo, e marítimo.

As primeiras grandes infraestruturas de transporte construídas en Galicia foron as dúas autovías de conexión coa chaira de
Castela, en dirección ao sur-este.

Ao pouco, foise terminando a autovía Atlántica que conecta Galicia e Portugal ao longo da nosa natural fachada marítima.

A día de hoxe, segue sen estar terminada a autovía Europea que nos conectará directamente con Franza, correndo através da
fachada cantábrica.

A día de hoxe, nengún partido galego reclamou crear outra autovía Europea, marítima, que nos conecte directamente co
Reino Unido e Irlanda, os nosos viciños e dous dos países máis ricos da Unión Europea e do mundo.

A Unión Europea apoia o transporte marítimo


No ano 2001 a Comisión Europea publicou o Libro Branco de Transportes e anunciou a creación de corredores intraeuropeos
de transporte por barco, coñecidos en Galicia co nome de Autoestradas do Mar.

Estas Autoestradas do Mar vanse establecer por varias razóns: para aliviar a saturación das estradas por mor do intenso
transporte terrestre de mercadorías, para reducir a contaminación e emisións de CO2 dos camións, para reducir accidentes
de tráfico, mais, sobre todo, pola maior eficiencia económica e rapidez que posúe o transporte marítimo en comparanza
co transporte terrestre de longa distancia.

A Unión Europea sabe que o transporte marítimo é hoxe, en termos xerais, o medio de transporte máis económico do
mundo. Por riba, en distancias superiores aos 1000km, o barco é mesmo máis rápido que o camión. Este aforro de
combustible e de tempo non só beneficia ás empresas, mais beneficia tamén económicamente aos governos.

Se o governo de todos os europeos, a UE, está a promover o transporte marítimo internacional por razóns de economía,
eficiencia e rapidez, non fai sentido que o governo de todos os galegos, a Xunta de Galicia, promova igualmente a creación
de liñas de transporte marítimo que comuniquen ao noso país directamente co Reino Unido e Irlanda, que son dous dos
mercados máis dinámicos da UE?

As conexións atlánticas son de interese galego


Ao falarmos das infraestruturas de comunicación e transporte de Galicia debemos falar de autovías, de tren de alta
velocidade, de liñas aéreas, e de liñas de transporte marítimo. É de importancia capital falar de portos e de liñas de
transporte marítimo, porque Galicia é un país marítimo.

O mar non é unha fronteira. O mar é unha vía de comunicación e unha fonte de riqueza. O Reino de Galicia, desde o
medievo ata o século XVI, comportándose como país marítimo que era, foi unha das principais potencias comerciais
marítimas da Europa, documentado pola Profesora da Universidade de Compostela Elisa Ferreira no seu estudo “Galicia no
Comercio Marítimo Medieval”.
O partido Converxencia XXI considera que o mar é un activo que a Galicia de hoxe non está a aproveitar todo o que
podería.

Diante das costas galegas transita un 70% do transporte de hidrocarbón que consume a Unión Europea e arredor dun 60%
do tráfico comercial transatlántico marítimo da UE. Galicia é un país que posúe unha posición privilexiada e central no
Atlántico, mais tiveron que pasar décadas ata que se decidiron construir os primeiros portos exteriores para tirar proveito
dese intenso tráfico.

Mencionamos anteriormente as chamadas Autoestradas do Mar que a Unión Europea vai impulsar como alternativa real e
competitiva ao transporte terrestre. Un dos catro grandes corredores europeos de transporte marítimo establecidos no 2010,
con axuda de fondos europeos, é a Motorway of the Sea of Western Europe ou Autoestrada do Mar da Europa Occidental que, como
non podía ser doutro xeito, pasará diante da nosa centralmente atlántica Galicia e chegará ata Irlanda, Gran Bretaña, e países
do Mar do Norte.

O mar non é unha fronteira senón unha vía de comunicación, e ao falarmos das infraestruturas de comunicación e
transporte de Galicia debemos falar tamén -ademáis das autovías e dos trens de alta velocidade- das liñas de transporte
marítimo.

Todos sabemos que Barcelona está a 1000km de Galicia, pero semella que esquecemos que máis perto, a menos de 900km,
temos a Irlanda, que antes da crise dos mercados mundiais era o 2° país máis rico da UE e do mundo en produto interior
bruto per cápita. Todos sabemos que Murcia está a 900km de Galicia, pero semella que esquecemos que máis perto, a tan só
700km, temos o Reino Unido, que é a 5ª potencia económica mundial.

O Reino Unido é, segundo dados do Instituto Galego de Estatística entre 2001 e 2005, o terceiro socio comercial
extraestatal máis importante da Galicia, despois da Franza e Portugal. Redondeando números, o comercio entre Galicia e o
Reino Unido (2001-2005) foi dun valor de 7.000€ millóns, dos cais 4.300 foron exportacións galegas e 2.700 foron
importacións.

Irlanda, a pesar do seu pequeno tamaño como Estado, está tamén entre os principais socios comerciais da Galicia a nivel da
UE, cun valor de exportacións galegas de 106€ millóns e 79€ millóns en importacións só no ano 2006. No caso de Irlanda
hai que destacar que as relacións comerciais galaicoirlandesas están a medrar rápidamente nos últimos anos. Só nos pasados
cinco anos o comercio entre Galicia e Irlanda sumou unha cantidade de 800€ millons en total.

A conclusión desta exposición de números e distancias é lembrar que xusto diante das nosas costas temos o privilexio de ter
dous países viciños que, durante a pasada década, eran a 5ª potencia económica mundial e o 2° país máis rico da UE.

Ata o de agora, os governos da Galicia estiveron desaproveitando o potencial de negocio que ofrece a viciñanza xeográfica
con dous dos estados máis ricos da UE e do mundo. É como se andivésemos a pensar que estamos “separados polo
Atlántico”, en vez de pensar que estamos “unidos polo Atlántico”.

Por iso o partido Converxencia XXI quere que un país marítimo como Galicia se volva a comportar como un país marítimo,
e se volva a comunicar con todos os seus viciños, igual que fan outros países marítimos de Europa.

A nosa viciñanza xeográfica con dous dos estados máis ricos da Unión Europea e do mundo é unha riqueza comercial que
estamos infrautilizando e o partido Converxencia XXI, como partido con vocación de governo, ten a responsabilidade de
maximizar todos os recursos deste país traballando pola creación dunha liña marítima que conecte a Galicia directamente
cos nosos viciños do Reino Unido e Irlanda.

Exemplo do beneficio das infraestruturas de transporte marítimo


Antes da década dos 1970, a rexión fisterrá da Bretaña estaba en situación similar á Galicia de hoxe: mentalidade de periferia,
desaproveitando a súa centralidade Atlántica, limitada a ter só vías de comunicación terrestres coa Franza.

Un día, alguén decatouse de que o mar non era unha fronteira, senón unha vía de comunicación e un activo, unha fonte de
riqueza. Un día, alguén decatouse de que o Reino Unido, país viciño da Bretaña, era un dos estados máis ricos da Europa e
un mercado importantísimo de case 60 millóns de habitantes.

A Bretaña era daquela un país esencialmente agrícola que buscaba diversificar a súa economía abríndose ao turismo.
No ano 1972, un grupo de cooperativas agrarias bretoas e a Cámara de Comercio da provincia de Finistère axuntaron
esforzos e capital para crear a compañía de transporte marítimo Brittany Ferries. O motivo: transportar ao Reino Unido
produtos agrícolas do Finistère e promover a Bretaña como destino turístico. Noutras palabras: Brittany Ferries levaría
produtos do agro bretón para arriba e traería turistas ingleses de volta para abaixo.

Creada cun capital de 100.000 Francos franceses da época, o primeiro barco da Brittany Ferries terminou o primeiro exercizo
contable en 1973 cunha cifra de negocios de 7,7 millóns de Francos, grazas ao transporte de 18.000 pasaxeiros e 6.000
camións. No seguinte ano 1974, engadiuse á frota un segundo barco que elevou a cifra de negocios a 21,1 millóns de
Francos, con 88.000 pasaxeiros e 9.700 camións. Durante os seguintes anos a compañía continuou aumentando a sua frota,
abrindo novas liñas, e entrando en novos mercados como o irlandés (liña a Cork) e español (liña a Santander). No ano 2001,
a Brittany Ferries acadou unha cifra de negocios de 1,9 billóns de Francos, transportando a 2.501.000 pasaxeiros e 176.334
camións.

Tres décadas despois das primeiras travesías de cebolas, pimentos, e turistas no ano 1973, a Brittany Ferries é hoxe un dos
principais transportistas marítimos de Europa cun tráfico anual de case tres millóns de pasaxeiros, 780.000 automóbiles e
170.000 camións, dando emprego directo a 2.500 persoas e xerando decenas de miles de empregos indirectos na Bretaña,
Inglaterra, Irlanda e España.

Complementando esta actividade de transporte de viaxeiros e veículos, a empresa bretoa ten diversificado a sua actividade
comercial como tour-operador e tamén como compañía de frete através de seis rutas marítimas e de nove portos.

Todos os axentes económicos, políticos e sociais da Bretaña concordan unánimemente en que a creación da compañía
bretoa de transporte marítimo Brittany Ferries foi con rotundidade un dos proxectos económicos que máis marcaron a
historia recente da Bretaña.

Na Galicia, a idea dun ferry Atlántico ten pasado levemente polos despachos dos portos da Coruña e Vigo. Cara o ano 1996
o Consorcio de Turismo da Coruña andivo a falar do beneficioso que sería conectar Galicia e Inglaterra cun ferry desde o
porto brigantino. En 2005 reapareceu a idea, en Vigo, de conectar Galicia e Gran Bretaña cun ferry de mercadorías,
automóviles e pasaxeiros. En ámbalas dúas veces as palabras quedaron en nada a falta de maior determinación, persistencia,
e apoios.

Cando a iniciativa privada non existe ou non pode, é preciso que o governo galego poida axudar a suplir esa carencia de
iniciativa ou a estimulala. Pódese facer como no anterior exemplo bretón, creando unha Galician Ferries con participación
financeira de capital privado e soporte público, ou pódese facer como fixeron os escoceses no ano 2002, atraendo
investimento extranxeiro e dando facilidades a compañías marítimas internacionais para que explotasen a nova liña de ferry
que hoxe conecta Escocia directamente co Continente europeo, sen necesidade de baixar a dar a volta por Inglaterra.

Igual que Santander ten un ferry con Plymouth que lle trae uns 140.000 pasaxeiros ao ano, e igual que Bilbao ten un ferry
con Portsmouth que lle trae uns 110.000 pasaxeiros ao ano, Galicia debe ter tamén unha autoestrada marítima directa con
Gran Bretaña -potencia económica mundial e terceiro principal socio comercial da Galicia- pola cal poidan travesar
mercadorías e turistas en liña recta, en vez de teren que dar unha longa, lenta e custosa volta de varios días transitando polos
Pirineos e Franza. O exemplo exposto da Bretaña mostra que podemos aproveitar a nosa centralidade Atlántica para o
noso desenvolvimento, emprego, e beneficio.

Comunicado do partido Converxencia XXI , 8 Marzo 2010

Contacto: prensa@converxencia.eu
Máis información: www.converxencia.eu