Anda di halaman 1dari 8

TRABALLO SOBRE PROXECTO LINGÜÍSTICO DE CENTRO

0. Introdución

Neste traballo analizarei a situación sociolingüística do centro ao que fun


destinado para realizar a primeira parte das prácticas do Mestrado en Formación de
Profesorado de Secundaria e Bacharelato, prestando especial atención ao documento
que presenta como Proxecto Lingüístico. Nun primeiro apartado expoñerei brevemente
as características xerais dese centro e a realidade lingüística que o envolta. Nun segundo
apartado comentarei o devandito Proxecto Lingüístico, e comparareino coa normativa e
modelos que sobre ese particular ofrece a Xunta. Finalmente, darei conta de como e ata
que punto, na miña experiencia, ese programa aterra na realidade, e con que
consecuencias.

1.Descrición do centro

O centro no que realicei o Prácticum I é os IES Plurilingüe Rosalía de Castro,


situado no número 3 da Rúa de San Clemente de Santiago de Compostela. Trátase, xa
que logo, dun instituto non só de cidade, senón do centro da capital da nosa comunidade
autónoma, onde é presumible unha considerable acumulación de capital tanto
económico coma cultural. En efecto, na Programación Xeral do propio centro faise
referencia á forte implantación nese territorio de centros privados con longura de
recursos, e mais a que “o estrato social ao que pertencen os alumnos da ESO e do
bacharelato ordinario é maioritariamente (80%) a clase media preocupada en liñas
xerais pola educación dos seus fillos”1. Alén diso, o Rosalía é un instituto de tamaño
grande, que acolle a uns 1200 alumnos, sendo 450 da ESO, 360 de bacharelato
ordinario, e os demais do ensino de adultos e os ciclos superiores2. Este instituto
proponse coma obxectivo a competición cos centros privados e a absorción no
Bacharelato de alumnos que cursaran neles a ESO; para ese fin promove distintas
iniciativas de interese para a clase media con algunha inquedanza cultural, coma o
Bacharelato Internacional, os intercambios lingüísticos, os premios literarios, a
participación en concursos, etcétera, entre os cales se conta tamén “un proxecto
lingüístico ambicioso”3.

1
P. 6.
2
Id.
3
P. 8.
Como corresponde a un centro urbano, e segundo a testemuña do meu titor,
Manuel Lama Grande (profesor de Filosofía especializado no BI e xefe de
departamento), e maila observación propia, o idioma por defecto do alumnado do
Rosalía de Castro é o castelán, tanto nas aulas coma fóra delas, aínda que a meirande
parte coñece ben o galego. Ao ver do profesor Lama, as excepcións de alumnos
maiormente galegofalantes acostuman corresponder con individuos procedentes do rural
que se desprazan ata este instituto para cursar o BI. Nos cinco grupos nos que participei,
soamente unha alumna falaba exclusivamente en galego. Por contra, nun deles o
profesor estableceu o uso puntual dun manual en galego, e dous dos alumnos (de cinco)
protestaron, preocupados de que a clase puidese realizarse nesa lingua, e tiveron
dificultades na lectura, preguntando o significado das palabras “peite” e “guedella”.

En troques, o galego é o idioma máis común entre o profesorado en encontros


nos corredores e nas zonas comúns (descoñezo os costumes nos departamentos). O meu
titor é galegofalante e recoñece que imparte a clase en castelán por deferencia aos seus
alumnos, que moi maioritariamente prefiren esa lingua –aínda que cambiaba para se
comunicar coa alumna galegofalante antes mencionada-, mentres que, nunha etapa
anterior na que fora profesor nunha vila preto de Santa Comba, soamente practicaba o
galego, que era tamén a lingua dos rapaces daquel lugar.

Esta situación, exemplo de diglosia, da diferenza entre o ámbito rural e o urbano


e mais da creba xeracional que leva a que o mundo da mocidade urbana se desenvolva
case exclusivamente en castelán queda recollida e analizada no documento do Proxecto
Lingüístico, que paso de seguido a considerar.

Como último apunte descritivo, acho de interese mencionar que a páxina web do
Rosalía (http://www.iesrosalia.net/) presenta unha visible mestura de castelán e galego,
sen seguir, aparentemente, ningún tipo de patrón ou de coherencia. Por exemplo,
abrindo a pestana de “DOCENCIA” atópase, por unha banda, o apartado
“BACHARELATO INTERNACIONAL”, e dentro dela o “Programa del diploma”, as
“Normas de los colegios del BI”, etc.; e, por outra banda, o apartado “INFORMACIÓN
ACADÉMICA”, cos “Horarios de atención do profesorado”, o “Proxecto
lingüístico”,… En cambio, tódolos documentos dispoñibles na web, tanto os de carácter
xeral coma os particulares de cada centro, agás a programación da materia de Lingua
Española, constan íntegra e exclusivamente en galego.
2. Descrición do Proxecto Lingüístico

2.1 Aspectos formais

O Proxecto Lingüístico vixente, aprobado no ano 2015 e accesible na web do


instituto4, é un documento de tres páxinas en formato Word, que consta dun parágrafo
introdutorio, unha enumeración de puntos relevantes so os epígrafes dos distintos ciclos
e cursos da ESO e Bacharelato, e un parágrafo final cunhas addendas e maila
conclusión. Ademais, o profesor titor dos alumnos do Prácticum I fíxonos chegar outro
documento5, neste caso en PDF, correspondente ao Proxecto do curso 2014-2015 e
bastante máis extenso e detallado: seis páxinas, que inclúen unha introdución e catro
epígrafes para as distintas linguas con presenza no instituto (galego, castelán, linguas
clásicas e “idiomas”, é dicir, linguas vivas estranxeiras) cunha diagnose da súa situación
e mais unha lista detallada de medidas ao respecto. Ignoro que razón levou a reducir o
Proxecto á metade dun ano para outro, pero, en calquera caso, segundo o profesor titor
as diagnoses incluídas no do ano 2014 seguen a ser válidas e a se ter en conta como
marco das actividades programadas, de maneira que eu hei de ter ámbolos dous en
conta.

2.2 Contidos xerais

Desde un punto de vista xeral, o primeiro que cómpre sinalar é que os


obxectivos que se propón este Centro son, fundamentalmente, mellorar a competencia
nas linguas maternas e, sobre todo, facer honor ao cualificativo de “plurilingüe”
potenciando mediante toda clase de intervencións a adquisición de linguas estranxeiras.
O Proxecto 2014 ábrese cunha referencia a que a UE conta como prioridade o dominio
das linguas maternas e, polo menos, dunha estranxeira, e a que o informe PISA indica
que neste último aspecto o alumnado español está lonxe do nivel desexado6. No que
respecta ao Proxecto 2015, o seu discurso é aínda máis transparente:

O Instituto está a poñer en marcha un ambicioso proxecto lingüístico que pretende


mellorar a formación do noso alumnado, sobre todo en linguas estranxeiras. O obxectivo
final sería que o noso alumnado remate os seus estudos no Instituto cun bo dominio do

4
http://www.iesrosalia.net/index.php/docencia/informacion-academica/proxecto-linguistico
5
Que adxunto a este traballo.
6
P. 1
inglés, tamén do francés e do alemán, sen esquecer a posibilidade de obter un diploma
regrado de portugués.7

Polo tanto, o valor adoptado por este Proxecto para regular o uso das linguas é o da
competencia no marco europeo, sen postular ningún ideal de carácter sociolingüístico,
agás, se acaso, o do coñecemento das dúas linguas oficiais do territorio. Tampouco cabe
deixar de salientar que o espazo adicado ás linguas estranxeiras é notoriamente superior
ao das demais: catro páxinas e un parágrafo no 2014, e practicamente todo o 2015,
exceptuando nada máis que unhas liñas.

No que toca ás diagnoses de cada lingua (que, como dixen, soamente constan no
2014), a galega é a que máis espazo ocupa, despois das estranxeiras. Resúmese en dous
puntos: o rexeitamento desa lingua non existe, pero, segundo unha enquisa do curso
2007-2008, os seus falantes habituais redúcense a un 17% entre o alumnado, o cal
explicaría as dificultades dun determinado número de alumnos para superar a materia
correspondente (e estaría, por certo, de acordo coa miña observación, antes consignada).
Non se consigna causa algunha desta situación, mais, polo tipo de medidas que se
ofrecen para modificala, parece que consideran que a fundamental, aparte da simple
falta de costume, é a percepción do galego como lingua inútil. Son tres estas medidas: a
primeira, clases de reforzo en primeiro e segundo da ESO para alumnado con
dificultades; a segunda (redactada de maneira moi confusa) parece ser o maior uso do
galego por parte dos profesores na clase; e a terceira, o uso do galego no ensino de
idiomas estranxeiros, e a conexión co mundo da lusofonía. A primeira é un feito
consumado, e a terceira materialízase parcialmente, segundo se desprende dunha
mención que aparece no epígrafe das linguas estranxeiras8, nun proxecto de
coñecemento do Brasil, Angola e outros países lusófonos da man dun profesor e con
apoio da USC; en cambio, o feito de que os profesores, tanto no ensino das linguas
como en xeral, usen máis o galego, preséntase máis ben como un desideratum. Polo que
toca ao proxecto 2015, soamente se mencionan as clases de apoio, por unha banda, e a
“proximidade idiomática” como facilidade para obter un diploma de portugués, por
outra.

7
P. 1
8
P. 3
Respecto do castelán, o Proxecto 2014 soamente constata as dificultades de certo
número de alumnos, que leva á institución de horas extra da mesma natureza que as do
caso da lingua galega, e que se conservan sen modificacións no 2015.

Respecto ás linguas clásicas, o Proxecto 2014 menciona, no epígrafe


correspondente, a utilidade de latín e grego para “coñecer as nosas raíces” 9 coa a
vontade de apoiar iniciativas que promovan o seu coñecemento, e, no epígrafe das
linguas estranxeiras, a medida concreta dun achegamento á cultura clásica para terceiro
de ESO mediante un proxecto elaborado polo departamento de Grego. No Proxecto
2015 non hai ningunha mención a este eido.

Respecto ás linguas estranxeiras, o Proxecto 2014 explica que son tres as


impartidas, o inglés, o francés e o alemán, aínda que o inglés ten a primacía, e insiste na
aposta do IES Rosalía por ofrecer unha formación especialmente sólida neste aspecto,
que permita ao seu alumnado estudar e desenvolverse en países estranxeiros de Europa;
xustifica a importancia do inglés por medio do consabido argumento de ser esa lingua a
koiné da civilización actual; explica a oferta de cada unha destas tres linguas (o inglés
como primeira lingua estranxeira obrigatoria, e a elección dunha segunda de entre as
outras); e detalla as principais actividades de reforzo. Para o francés e alemán, ofrécense
actividades lúdicas promovidas polos Departamentos e estadías en países onde se fale a
unha ou a outra. Para o inglés hai clases extra opcionais onde se preparan exames para
os certificados, clases de verán, estadías en Canadá e Gran Bretaña, intercambios e,
especialmente, ao se acoller o Rosalía ao carácter de Centro Plurilingüe, a docencia de
determinadas materias curriculares na lingua que nos ocupa, que chegou a ocupar 64
horas semanais no curso 2014-2015. O Proxecto 2014-2015 referenda estas medidas.
Tanto un coma outro enumeran as materias impartidas en inglés.

2.3 Comparación co decreto do 2010

O decreto 79/2010 sobre o plurilingüismo no ensino adica o seu Artigo nº 14 ao


Proxecto Lingüístico, no que se establecen como obrigatorios os seguintes contidos:

a) A decisión do centro educativo respecto da lingua en que se impartirán as materias de


educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato.

9
P. 2
b) En educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato, as medidas
adoptadas para que o alumnado que non teña o suficiente dominio das linguas poida
seguir con aproveitamento as ensinanzas que se lle imparten.

c) Nos centros que imparten formación profesional específica, ensinanzas artísticas e


deportivas, e ensinanza de persoas adultas, os procedementos que aseguren que o
alumnado acade a competencia lingüística propia do nivel en ambas as dúas linguas
oficiais.

d) Os obxectivos xerais e as liñas de actuación deseñadas polo centro para o fomento da


lingua galega.

Como resulta manifesto, de catro contidos obrigatorios, o Proxecto 2015 non cumpre
nin un só, e o 2014, apenas un deles, o (d), se un acepta como “obxectivos xerais e liñas
de actuación [...] para o fomento da lingua galega” as tres medidas comentadas no
apartado correspondente. Sen dúbida, o punto de vista do que parte o IES Plurilingüe
Rosalía de Castro á hora de elaborar o seu Proxecto Lingüístico difire completamente
do punto de vista oficial, e é sorprendente que o inspector educativo non fixese ningún
comentario ao respecto en varios anos, a tal punto que o Proxecto 2015 afástase aínda
máis que o 2014. E é que o devandito Decreto ten como obxectivo principal a creación
dun determinado marco de convivencia para as dúas linguas oficiais de Galicia, e só
como obxectivo secundario a promoción do inglés coma lingua estranxeira; véxase o
penúltimo parágrafo da Introdución:

Tendo en conta o anterior, é este o momento en que cómpre formular un novo marco
normativo para o ensino non universitario que regule a distribución das linguas
vehiculares das distintas materias de estudo e que teña como obxectivos o de garantir a
competencia plena e en igualdade nas dúas linguas oficiais e o de acadar a adquisición
dun coñecemento efectivo en lingua(s) estranxeira(s).

Sen embargo, o Proxecto do Rosalía ofrece como obxectivo principal o coñecemento


efectivo de linguas estranxeiras, menciona apenas o asunto da competencia plena nas
outras dúas linguas, establecendo clases de reforzo para os alumnos con problemas nas
materias correspondentes de primeiro e segundo de ESO, e ignora practicamente a
cuestión da igualdade, é dicir, a distribución de linguas vehiculares entre materias. Sobre
este asunto, no Proxecto de 2015 atópase a seguinte frase: “polo que se refire a lingua
galega e lingua castelá, por unha parte respectarase o horario que esixe a lexislación
vixente e por outra organizaranse apoios para os alumnos con dificultades en 1º y 2º da
ESO.”, evitando especificar, como ordena o decreto, as asignacións concretas das
materias libres.

Se non hai no Proxecto medidas relativas aos puntos (b) e (c), pódese pensar que
é debido a que non hai no Rosalía casos de alumnos que non poidan seguir as distintas
materias a causa de falta de control de castelán ou galego, e a que entre os adultos que
asisten ao ensino tampouco hai ningún que careza das competencias necesarias; en
cambio, nada xustifica a ausencia da distribución horaria de galego e castelán entre as
materias non marcadas polo decreto, máxime cando en ámbalas dúas versións constan
as materias ás que se asigna o inglés. Isto pode entenderse, ou ben como un desleixo, ou
ben como a declinación desa responsabilidade, que deixa a cada profesor a toma da
decisión.

No que respecta ás linguas impartidas en lingua inglesa, os Proxectos adecúanse


ao que instaura o decreto, que no seu capítulo IV e artigo 21 abre esa posibilidade,
permitindo que se aplique ata nun terzo das materias, sen impoñer mínimos. No
Proxecto 2015, vixente actualmente, impártense en inglés: as Ciencias Sociais no 1º
Ciclo da ESO, a Física e Química e a Bioloxía en terceiro da ESO, e as Matemáticas e
as Ciencias Sociais en cuarto da ESO. Non está de máis recordar, sen embargo, que no
punto 2 do artigo 21 do decreto ordénase, para os institutos que decidan impartir
materias en inglés, que se adapte “o proxecto lingüístico para garantir o máximo
equilibrio de horas semanais ofertadas en galego e en castelán nese curso”, polo que
aparece de novo, no medio da lexislación sobre a lingua estranxeira, a incumprida
necesidade de facer explícito o reparto de materias entre as linguas oficiais.

2.4 O cumprimento do programa

Respecto do cumprimento do programa, é preciso dicir o seguinte: 1) o reparto


de materias en inglés, as clases de reforzo, os proxectos sectoriais e os programas de
intercambio e estadías no estranxeiro cúmprense regularmente; 2) segundo os
comentarios dos profesores, as partes dos Proxectos que aparecen como desiderata non
se levaron a cabo. Finalmente, o propio centro asume, na súa Programación Xeral, que
non hai unha avaliación xeral do Proxecto Lingüístico, reputando tal cousa unha
“debilidade”10.

3. Conclusións

Como se viu, o IES Plurilingüe Rosalía de Castro ten coma características


principais: (1) formar parte dun importante núcleo urbano, compartido con
prestixiosos centros privados, onde se valora a excelencia en xeral e a competencia
en linguas estranxeiras en particular, e no que a mocidade fala moi maioritariamente
en castelán, quedando o galego nunha situación case residual; e (2) desenvolver unha
estratexia adaptativa na dirección de potenciar unha instrución de calidade e mais un
Proxecto Lingüístico moi orientado á adquisición do inglés, sen desprezar o nivel de
competencia en castelán e galego, pero evitando a intervención sociolingüística en
calquera dirección. O alumnado do centro, aínda que non despreza a lingua galega,
non establece especial relación con ela no marco escolar, e o profesorado vive nunha
situación de certa diglosia. O Proxecto Lingüístico, en fin, faise eco desta
problemática, pero nin ofrece solucións e liñas de acción estritas (quedando algunhas
propostas máis ben no grao de desiderata) nin sequera lle presta a atención á que o
decreto 79/2010 obriga.

10
P. 12.

Anda mungkin juga menyukai