Unha característica particular desta obra –froito de que nela interveñen como
entrevistados personaxes de ideas distintas uns dos outros- é que os seus ataques contra
o sistema educativo seguen patróns e premisas que non poden reducirse a un único
discurso: así, por unha banda, sinálase o desfase da información subministrada na escola
respecto das necesidades do mundo real –así como a existencia de materias comúns que
poden chocar cos intereses de quen xa ten decidido o seu camiño profesional e quere
centrarse nel-, supoñendo, xa que logo, unha valoración da utilidade, e, por outra banda,
critícase que a escola teña que estar ao servizo da utilidade social e que reproduza as
súas xerarquías de méritos e deméritos; ou ben apélase, nalgúns casos, á autonomía
individual, desdeñando a imposición de tarefas ou castigos, e deféndese, noutros, a
lexitimidade da comunidade para ter unha decisión final sobre todos estes asuntos. Por
iso non é posible ofrecer unha apreciación xeral da batería de críticas deste documental,
senón que habería que calibrar unha por unha.
En definitiva, este documental pode ter sentido coma primeira toma de contacto
crítica coa realidade educativa, pero, para avanzar na composición dunha análise
fundamentada, onde recuperar algunha das apreciacións concretas desta obra, sería
preciso sentar previamente unha filosofía máis sólida da natureza humana, escoller
algún sistema social de referencia, e unificar os criterios valorativos.